Igrexa de Santiago de Pontedeume

Onte fun á vila dos Andrade para participar coa banda de música de Charamela de Pontedeume no pregón das populares festas das Peras, que a vila eumesa celebra á fin do verán na honra da Virxe das Virtudes, e que recibe o nome do mercado de froita (sobre todo peras, que se dan neste tempo) que fan durante as mesmas, ademáis doutras tradicións coma o desfile cos mómaros e a cucaña marítima.

A miña primeira idea foi levar a cámara para facer unha pequena reportaxe destas senlleiras festas, aprobeitando que tiña a oportunidade de estar alí, pero a realidade non sempre se axusta aos plans previstos, e rematei sacando só unhas poucas fotos da impoñente igrexa desta señorial vila, adicada ao patrón Santiago.

A igrexa de Santiago de Pontedeume ten orixe gótica, pero como resultado de sucesivas fases reconstructivas posteriores, presenta unha arquitectura sobre todo neoclásica. De planta rectangular de tres naves, a capela maior é unha mostra do estilo gótico tardío, mandada construír por Fernando de Andrade, señor fuedal da bisbarra, en 1538; nela atópase o seu sepulcro, cuxa estatua xacente data de 1540.

No seu interior conta cunha ornamentación formada por numerosos retablos tardobarrocos e neoclásicos. O resto da igrexa é de estilo neoclásico, mandada edificar polo arzobispo de Santiago de Compostela Bartolomé Rajoy e Losada, natural de Pontedeume.

Destaca a súa monumental fachada neoclásica con reminiscencias barrocas, organizada en tres lenzos. Nos lenzos laterais atópanse portas de entrada secundarias e torres campanario. No lenzo central está a porta principal, separada por dúas grosas columnas e unha ventá para a iluminación interior, así como o campanario principal.

Federico García Lorca: Madrigal á cibdá de Santiago (Chove en Santiago)

Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ô sol.

Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pol-a rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaído
soma e cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol.
Ãgoa da mañán anterga
trema no meu corazón.

Federico García Lorca

Facultade de Historia, USC

Hoxe, como estou de boas, deixovos unha escolma de fotografias que atopei pola rede dun lugar que me trae moi bos recordos, polo moito que aprendín alí e pola grandísima xente coa que tiven a oportunidade de compartir aulas e experiencias universitarias. Espero que vos sirva para achegarvos un pouco a este belo rincón da Universidade de Santiago de Compostela, eu creo que é dos máis fermosos.

Na parte superior da fachada destaca o seu escudo, e demáis ornamentacións. Estilo neoclásico, pois esta facultade data do século XVIII cando se construíu no solar do antigo convento dos xesuítas.
escudo

Porta Hª
Xa dentro, nos recibe un vestíbulo coa escaleira, maxestuosa, e o claustro ao fondo. O claustro articula o edificio, as aulas e demáis dependencias se distribúen en tres andares en torno a el.

claustro
Dende esta porta se sae ao balcón da fachada principal, algunha vez se ten visto algunha pancarta en época de reivindicacións universitarias, pois é esta unha casa de pensamento crítico.
Escaleiras
Unha das xoias máis prezadas é a biblioteca, sen dúbida non hai foto que lle faga xustiza á sensación de estar alí, o aroma do papel antigo, o ruído da madeira ao camiñar sobre ela, o saber acumulado por séculos…
Biblioteca Historia
Biblioteca Historia USC
A outra xoia é o paraninfo, pois este edificio non está situado na Praza da universidade por unha casualidade, esta foi unha das primeiras sedes da universidade concebida como tal, con aulas, paraninfo, secretaría, biblioteca… é sen dúbida a estancia máis fermosa da facultade.
paraninfo



En definitiva, un marco incomparable para estudar e unha boa recomendación para visitar.