Vals venezolano

O que garda sempre ten. Se falamos de arquivos audiovisuais isto non sempre é así por obra e desgraza do software, e eu xa teño que lamentar algunhas perdas que levou consigo a avaría dalgún equipo informático. O caso é que por sorte esas perdas non foron o significativas que podían ser grazas á miña teima no seu momento por compartir canta gravación podía das miñas actuacións públicas.

Nun momento inicial de revisionismo ao comezar o grao superior decidín ser algo máis selectivo coa privacidade de moitos deses documentos, sen chegar a eliminalos e seguindo a subir outros novos de maneira privada para poder compartilos en círculos máis íntimos. Agradezo agora isto, pois permitiume no seu momento recuperar a meirande parte dese arquivo audiovisual, á par que tratei de manter unha sorte de portfolio só coas gravacións máis representativas.

Falaba o outro día sobre a mudanza de opinións que podemos ter ao revisitar o noso legado dixital e hoxe traio ao blogue un exemplo disto. Trátase dun documento en forma de video dun concerto público de xaneiro do 2010. Naquel ano estaba finalizando os meus estudos no CMUS Xan Viaño de Ferrol e o centro era un bulir de iniciativas coma este concerto pola paz nas que non perdiamos oportunidade de acumular unha experiencia concertística valiosísima, ademáis de pasalo xenial implicándonos en tódalas fases do proxecto co inestimable apoio do profesorado. O paso do tempo aínda pon, para min, máis en valor estas experiencias que se moveron entre a música de cámara e a xestión cultural.

A miña compañeira Amanda Gallego Pérez e máis un servidor interpretamos naquela ocasión -entroutras actuacións nas que repetimos presencia no escenario- unha peza que tivo bastante popularidade na primeira década dese século XXI do célebre clarinetista de Jazz latino Paquito d’Rivera. É unha versión do seu Vals Venezolano, que forma parte dunha serie de pezas con aires tropicales compostas e editadas polo músico cubano naqueles anos en distintos formatos: Alborada, Contradanza, Habanera…

Nunha nova fase revisionista volvo a descubrir esta versión con outros ollos, comprendendo as súas limitacións do mesmo xeito que agardo que se comprendan pola parte de quen a escoite case doce anos máis tarde. Pero tamén apreciando e sobre todo gozando dos seus acertos, porque de todo ten que haber. Volver a escoitarse tanto tempo despois dende outro contexto aporta unha perspectiva que permite ver o moito que avanzamos, e polo tanto a esperanza de coller pulo para avanzar tanto ou máis na seguinte década.

Excusatio non petita, accusatio manifesta

Dicía Beethoven que “non rómpa-lo silencio se non é para melloralo”, e cando levas tanto tempo sen dicir nada é moi difícil enfrontarse á pantalla -outrora páxina- en branco. Négome a aceptar que este blog estea abandonado, porén recoñezo que é o que parece ao entrar nel e ve-los meses que pasaron dende a última aportación. Aínda máis vergoña me dá reler esas últimas publicacións cheas de brindis ao sol, de promesas de futuros novos textos que nunca chegaron, polo menos ata o de agora. É a historia de sempre, ou case.

De cando en vez paso por aquí. Cando é así, abro esta páxina, entro no portal que administra o blog e reviso por riba se houbo algunha novidade reseñable. Nunca se sabe, e de cando en vez aparece algún fluxo de tráfico máis alto nalgunha publicación, máis ou menos antiga, e incluso pode que algún comentario! Reflexiono un pouco sobre as entradas que máis tráfico e reaccións tiveron e éntranme moitas ganas de ser capaz outra vez de aportar novo contido. Pero a aventura temata enfronte da pantalla branca.

Ter ganas de escribir, de comunicarse, non abonda. É unha arroutada, un detonante… está ben, pero non é suficiente. A elaboración dun texto precisa dalgo máis: premeditación, concentración, e un punto de inspiración. Pero dende logo coa inspiración soa non chega, como dicía Picasso: “A inspiración existe, pero ten que atoparte traballando.”

E logo co paso dos ano decátaste de que deixar un texto publicado na rede, sobre todo se foi escrito de maneira honesta e sincera, é unha maneira de expoñerse non só ante a crítica e a opinión pública, senón tamén ante as propias contradiccións co noso propio pensamento pasado e futuro. Non sempre é cómodo verse reflexado nunhas opinións do pasado, que nalgún momento defendiches de maneira férrea e que hoxe se cadra suavizarías na búsqueda doutro tipo de consenso.

Pasou máis veces e volverá a pasar seguramente. Mudamos, supoño que maduramos, ou podrecemos, quen sabe. O certo é que non quero deixar que me paralice o medo ao veredicto dos demáis nin o do meu ego futuro, que se aguante como fixemos os demáis.

Un saúdo, e desculpas.

Distancia social de seguridade

Aproveitando que a entrada en vigor das enésimas novas medidas da Xunta de Galicia para a loita contra a pandemia da Covid-19 pode levar consigo unha importante baixada nas taxas de postureo  e un incremento contaxioso de contidos tóxicos -todo mal- debido ás consecuencias deste confinamento indirecto que imos vivir, decidín que esta podería ser unha boa oportunidade para iniciar unha -en principio- breve corentena da actividade das miñas redes sociais.

Morris

Non sinto un fastío tan intenso coma o que poden experimentar moitas persoas sumidas nunha fatiga pandémica que se expresa nunha frustración ante a crúa realidade que viven ou que se ve reflectida nos datos que non cesan de actuar como malos augures. No meu caso trato de evitar iso e aproveito para descansar un momento no que pouco teño que contar e tampouco hai tanto contido de calidade para consumir, pois estamos todos nas mesmas.

No fondo isto non deixa de ser outro reto de aninovo coma o de quen deixa o sal ou o azucre, quen comeza a facer exercicio… Quero comprobar se son dependente das redes, que é o máis probable, e nese caso aplicar esta pausa como tratamento para volver dunha maneira máis saudable e evitar que estas aplicacións malgasten un tempo e unha atención que preciso para outras tarefas máis frutuosas para min.

Se isto serve para que volva de cando en vez a publicar aquí pois tamén benvido sexa.

Camiño da nova normalidade

A nova normalidade

Torceuse o ano 2020, racharon a meirande parte das rutinas que pensabamos inalterables a causa dunha serie de catastróficas desditas. Entre elas podo dicir que abandonei o meu costume adquirido no último ano de manter alomenos unha publicación semanal nesta bitácora.

Porén, sempre hai que mirar o lado brillante da vida, un mínimo dunha publicación mensual aínda fun quen de facer, non está todo perdido. Seguiremos traballando na procura dunha nova normalidade.

Aquelas primeiras fotografías

Hoxe lembreime daquel ano 2001 que por primeira vez me deixaron a cámara de fotos da familia, eu aínda era algo cativo pero miña nai finalmente accedeu a fiarse de min e permitiu que saciase a miña sede de fotografía gastando un carrete durante a Semana Santa a modo de agasallo, supoño.

Lembro que quería inmortalizar todas as procesións en modo reportaxe pero tiven que conformarme cunhas cantas representativas, meu pai tampouco estaba disposto a carretarme tódolos días a Ferrol, que habería máis cousas que facer, e outros días imaxino que chovería. Finalmente de todo ese carrete saquei fotos o luns, o xoves e o venres santo, e digamos que podemos salvar esta ducia de fotos que non saíron cortadas, escuras ou dende un ángulo no que non se ve nada. Hai que entender as limitacións da fotografía analóxica, e máis para un primeirizo!

A verdade é que ao repasar o álbume no que quedaron dende aquela gardadas, incluso a pesar da cantidade delas que saíron mal, non deixa de sorprenderme o resultado coas carencias técnicas que tiña.

Virxe da Amargura
Virxe da Amargura (luns santo)

Nazareno das Angustias
Nazareno das Angustias (xoves santo)

Xacente das Angustias
Xacente das Angustias (xoves santo)

Virxe das Angustias
Virxe das Angustias (xoves santo)

Virxe das Angustias
Virxe das Angustias (xoves santo)

Prendemento
Prendemento (xoves santo)

Cristo da Misericordia
Cristo da Misericordia (xoves santo)

Virxe da Piedade
Virxe da Piedade (xoves santo)

Virxe das Dores
Virxe das Dores no Santo Enterro (venres santo)

Virxe da Soidade
Virxe da Soidade (venres santo)

Virxe das Dores nos Caladiños
Virxe das Dores nos Caladiños (venres santo)

Procesión da Caridade e o Silencio en San Xiao
Virxe das Angustias na procesión da Caridade e o silencio (sábado santo)

Que antre os dous puxo o tempo

Enfrontamento en segundo plano

Lévame a aquela fonte cristaíña
Onde xuntos bebemos
As purísimas auguas que apagaban
Sede de amor e llama de deseios.
Lévame pola man cal noutros días…
Mais non, que teño medo
De evr no cristal líquido
A sombra daquel negro
Desengano sin cura nin consolo
Que antre os dous puxo o tempo.

Rosalía de Castro: Follas Novas (1880)