Igrexa de Santiago de Pontedeume

Onte fun á vila dos Andrade para participar coa banda de música de Charamela de Pontedeume no pregón das populares festas das Peras, que a vila eumesa celebra á fin do verán na honra da Virxe das Virtudes, e que recibe o nome do mercado de froita (sobre todo peras, que se dan neste tempo) que fan durante as mesmas, ademáis doutras tradicións coma o desfile cos mómaros e a cucaña marítima.

A miña primeira idea foi levar a cámara para facer unha pequena reportaxe destas senlleiras festas, aprobeitando que tiña a oportunidade de estar alí, pero a realidade non sempre se axusta aos plans previstos, e rematei sacando só unhas poucas fotos da impoñente igrexa desta señorial vila, adicada ao patrón Santiago.

A igrexa de Santiago de Pontedeume ten orixe gótica, pero como resultado de sucesivas fases reconstructivas posteriores, presenta unha arquitectura sobre todo neoclásica. De planta rectangular de tres naves, a capela maior é unha mostra do estilo gótico tardío, mandada construír por Fernando de Andrade, señor fuedal da bisbarra, en 1538; nela atópase o seu sepulcro, cuxa estatua xacente data de 1540.

No seu interior conta cunha ornamentación formada por numerosos retablos tardobarrocos e neoclásicos. O resto da igrexa é de estilo neoclásico, mandada edificar polo arzobispo de Santiago de Compostela Bartolomé Rajoy e Losada, natural de Pontedeume.

Destaca a súa monumental fachada neoclásica con reminiscencias barrocas, organizada en tres lenzos. Nos lenzos laterais atópanse portas de entrada secundarias e torres campanario. No lenzo central está a porta principal, separada por dúas grosas columnas e unha ventá para a iluminación interior, así como o campanario principal.