O caso da igrexa de San Pedro de Loira (Valdoviño)

Loira, supoño que para moitos pasa desapercibido este recuncho do concello de Valdoviño, e tamén sería así no meu caso se non fose porque xunto coa veciña parroquia de Santa María de Bardaos (San Sadurniño) onde naceu meu pai, aquí naceu miña nai e viveu a súa infancia coa súa familia.

Isto quere dicir que estes dous recantos da Terra de Trasancos son o escenario de gran parte das historias que meu pais contaban de cando eran nenos, e pese a que son contadas as ocasións nas que eu estiven físicamente alí seguen sendo lugares de referencia para mín.

Encoro das Forcadas. Loira, Vilaboa, Vilarrube…

No ano 1966 contruíuse o encoro das Forcadas, no val do río do mesmo nome que limita as parroquias de Loira e Vilaboa para levar auga ata a crecente poboación da cidade de Ferrol, e que rematou fornecendo de auga a toda a bisbarra. A construcción desta infraestructura, dunha central hidroeléctrica e das conduccións subterráneas para levar a auga ata Ferrol tiveron fortes consecuencias para a parroquia de Loira. Ademáis de perder baixo as augas parte do val do río Forcadas, as voladuras para o túnel subterráneo que trae a auga ata Ferrol pasaron por debaixo da antiga igrexa parroquial de San Pedro, cuxa estructura se resentíu e que finalmente foi abandonada.

Os anos de peche non pasaron en balde, cando eu era pequeno aínda lembro pasar por alí preto e aprecia a igrexa vella pechada, pero estructuralmente íntegra… nas fotos que atopei rebuscando por google xa se aprecia como nos últimos anos o peche deu lugar ao abandono total e a vexetación tomou o control da propiedade, polo que agora pouco máis podemos que intuír a súa presenza.

Igrexa vella de San Pedro de Loira
A igrexa vella de Loira
Igrexa abandonada de Loira, tomada xa pola vexetación

Non puiden ir ata alí a comprobalo, ninguén me contou a historia de primeira man con datos contrastados, e tampouco sen contrastar; polo que non podo saber se foi abandonada por mor dos danos estructurais da obra en sí, ou polo seu progresivo abandono. Noutras palabras, eu non estou en situación de saber se se podía recuperar esta histórica igrexa que contaba cunha fermosa cúpula gótica e cun artístico retablo que se trasladou á nova igrexa, de características arquitectónicas ben distintas…

Detalle da bóveda da igrexa vella
Detalle do retablo
Detalle da bóveda. Igrexa vella.
Igrexa “nova” de San Pedro de Loira

Un caso distinto ocorreu na parroquia veciña de San Vicente de Vilaboa, na outra beira do Río Forcadas, onde decidiron abandonar a igrexa vella e construír outra nova moi preto, quizais polo mal estado da antiga. As cualidades arquitectónicas da nova construcción son diferentes das de Loira, máis non creo que moito mellores… E boa proba diso é o feito insólito de que anos máis tarde se decidise abandonar a igrexa nova polo seu mal estado e rehabilitar e restaurar a antiga igrexa, que é a que se usa na actualidade. E case coma se o encoro das Forcadas actuase como un espello.

Igrexa “nova” de Vilaboa (abandonada)
Igrexa de San Vicente de Vilaboa
Antiga igrexa de Vilaboa (rehabilitada)