Mosteiro de San Martiño de Xubia – O Couto (Narón)

Sobor do Mosteiro de San Martiño de Xubia, hoxe parroquia do Couto, en Narón, poderíanse dicir moitas cousas. E sen embargo eu vou preferir centrarme na súa contemplación, no mediodía dun caluroso día de verán ás portas de agosto. Anímovos a buscar información sobre a súa historia, íntimamente ligada á da Terra de Trasancos e o actual Concello de Narón.

Freixeiro, 50 anos marcan a diferenza.

O Instituto de Estudos do Territorio (ITE), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta de Galicia, ofrece a posibilidade a través dun interesantísimo mapa interactivo de coñecer en profundidade a xeografía de Galicia grazas á ampla información que ofrece: ortofotografía actual (IDEG), ortofotografía do IGN, imaxes do vóo americano de 1956, e outros tipos de mapas; además de capas auxiliares que ofrecen información toponímica, das estradas ou catastral.

A converxencia de toda esta información nunha soa ferramenta axudoume a obter dúas instantáneas que quero compartir, e onde podemos observar a simple vista a gran evolución sufrida polo concello de Narón nos últimos 50 anos, dende un entorno plenamente rural ata a amalgama entre o plenamente urbano e os restos do rural na que vivimos na actualidade. O caso do barrio de Freixeiro pode exemplificar perfectamente esta evolución.

Freixeiro (Narón) en 1956. Vóo americano
Freixeiro (Narón) en 1956. Vóo americano

En primeiro lugar temos a imaxe da zona de Freixeiro na que podemos identificar no centro, na parte inferior, o cruce da Piñeira, entre a Estrada de Castela e a Estrada de Cedeira, onde anos máis tarde estaría a gasolinera. Tamén destaca entre as leiras, montes e escasas viventas o trazado do FEVE, especialmente a Curva do Xitano que salva o Río Freixeiro no entorno da ponte do salto e do muíño dos Amenadás. Seguindo o FEVE dirección Ferrol (cara a parte inferior da imaxe, á esquerda) atopamos a igrexa vella de Santa Icía de Trasancos, aínda en activo, e o cemiterio cunha escasa dimensión, en comparación á situación actual.

Freixeiro (Narón) na actualidade. IDEG.
Freixeiro (Narón) na actualidade. IDEG.

Se o comparamos coa imaxe actual, moitísimos cambios. Pervive aínda monte, e algús campos e leiras, pero hai moito contraste en canto a edificacións e infraestructuras. Das poucas vías que observábamos na imaxe de 1956, agora ata a Curva do Xitano e o mesmo FEVE pasa case inadvertido entre as rotondas e o paso da AP-9 e o seu ramal cara ao Río do Pozo. Na zona dereita da imaxe aparece, onde había leiras e monte, parte do barrio de Piñeiros, co asilo de anciáns, a igrexa parroquial e as edificacións que a rodean.

A Curva do Xitano persiste no seu lugar, aínda que hoxe en día en desuso grazas ao viaducto que salva a distancia entre o Alto do Castiñeiro e Freixeiro. Aínda lembro o ruído que facía o FEVE ao facer ese xiro, sobre todo nos días con vento (que tamén traía puntualmente o son do reloxo da nova igrexa de Santa Icía) e avisaba de que se aproximaba o tren, mellor agardar un anaco para cruzar a vía.

Ao observar estas imaxes primeiro sorprendéronme as diferenzas, pero ao seguir fixándome, a vista non se aparta das semellanzas. Engadimos moitas cousas, pero se ollamos con atención outras moitas seguen aí, coma algunhas vivendas, o FEVE, e case tódolos camiños da primeira foto aínda seguen hoxe no mesmo sitio, convertidos nas nosas rúas. Todo é diferente, mais todo segue no mesmo lugar.