Desenredos sociais

De maneira cíclica lembro a existencia das miñas abandonadas bitácoras, ás que sempre desexo retornar, coma o fillo pródigo logo dunha longa ausencia. Todas estas veces trato de analizar as razóns que motivan a seca creativa da miña escrita, chegando a diferentes conclusións. Porén, en tódolos casos persiste un medo á sobreexposición, alimentado polo numerosos casos de linchamento mediático que acontecen nas redes sociais, non se sabe se plasmados ou alimentados por uns medios de comunicación que predican cuns ideais pero traballan coa billeteira.

Está claro que se non quixese que ninguén me lese non tería bitácoras, sería absurdo, pero cando comecei a miña andaina blogueira aínda non existían as redes sociais, e debo recoñecer que a súa exponencial aparición e extensión cambiou de modo radical o meu uso da internet, e polo tanto tamén destes espazos de escrita. No tempo dos mil e un seguidores, das mensaxes virais, do trolleo, das fotos e videos do momento, a duras penas hai espazo para a reflexión que precisa a escritura dun texto coherente.

Por outra banda, dun tempo a esta parte preocúpame a miña posible sobreexposición na rede. Non podo ser miñaxoia e pensar que todo canto deixo caer nela, non se pode enredar na miña contra; hai moita maldade nun mundo tan complexo coma sempre, e á vez coma nunca. Nestes dous últimos anos tiven a sorte de comezar a traballar como docente, unha posición na que un se atopa exposto ante os demáis, moitas veces incluso xulgado e cuestionado. O ensino, coma outras tantas profesións, esixe unha pequena coraza que permita separa-la vida privada da que se desenrola nas aulas.

Xa levo un certo tempo pensando na desconexión das redes sociais, que fomentan o noso cuñadismo. Non me parece razoable o comportamento que moitas veces temos os seus usuarios, escudándonos na distancia virtual, e en moitos casos no cobarde anonimato. Non é lícito valerse destas ferramentas para dicir o que nunca lle diríamos a ninguén á cara, nin berraríamos no medio da rúa. Non é xa a primeira vez que tentado a expresar respetuosamente a miña opinión ante algunha afirmación que aparece na miña páxina de inicio ou timeline -sobor da substitución de palabras nas nosas linguas por termos anglosaxóns tamén deberiamos falar algún día- decido no último momento non meterme polo risco dunha interminable batalla dialéctica que non levaría a ningures. Esta misma semana cheguei incluso a borrar comentarios recén feitos por se eran malinterpretados. Digamos que nesta época do linchamento prefiro asistir ás redes sociais coma un espectador e compartir algunha información que realmente queira facer chegar aos meus contactos: divulgar algunha publicación de interese, anunciar algún concerto… e pouco máis. A pesares desta tendencia miña actual, e de pensar en pechar estar canles, sigo pensando en manterme de momento dentro delas, pois non busco illamento, e a sociedade actualmente non se entende desligada do seu funcionamento, moi ao meu pesar.

En relación a todo isto, a miña diagnose é que ter estas bitácoras enlazadas coas redes sociais é un lastre que me impide expresarme a través delas. Saber que calquera cousa que escriba vai ser automaticamente publicitada nos muros de tódolos meus contactos, é unha idea que frea radicalmente todo impulso de escribir en canto me xorde. Porque eu escribo para quen queira ler, non para pasar estas publicacións por diante dos fuciños de todo o mundo. E polo tanto a isto veño a poñer solución hoxe, non quero agocharme, pero non quero que saia o pregoeiro a anunciar cada vez que publico algo, a partires de agora intentarei escribir aquí máis a miúdo, pero sen dar parte ás redes sociais salvo que a difusión da publicación sexa o obxectivo que a motiva.

Agardo que este sexa o comezo dunha nova etapa, pero coma sempre, non podo prometer nada… para iso xa están os políticos.