Ano III

Vaia, case se me esquece conmemoralo, pero hoxe esta bitácora cumpre 3 anos. Ao meu parecer non é nin moito nin pouco, mais o aniversario está aí, tanto se o quero festexar coma se non. Cada ano que pasa fago unha entrada similar, e como non, esta vez tamén toca facer repaso pola historia do blog.

Todo xurdiu en 2012 -obviamente, tal día coma hoxe- cando nun enésimo intento por non deixar caer a miña bitácora en blogger, decidín probar algo novo e botar a andar un novo proxecto en galego, cando aínda nin Blogger nin WordPress ofrecían servizo na nosa língua. Aquel día descubrín blogaliza, un servizo filial de wordpress que daquela era pioneiro, e co que puiden xestar e criar este blog durante máis dun ano.

Nese ano lembro que compartín moitas e interesantes experiencias, pois coincidiu cunha época da miña vida bastante fructífera e creativa. Por exemplo, todo o proceso que acompañou á miña experiencia ERASMUS en Suecia funo plasmando nunha serie completa de entradas que me serviron para compartir e facervos chegar todas esas miñas experiencias e anécdotas nórdicas.

En maio de 2013, descubrín que wordpress xa tiña servizo en galego, e decidín dar o salto porque xa levaba moito tempo querendo facelo. En realidade era unha espiña que levaba dentro dende o mesmo instante -disto sí que hai bastantes anos- que busquei información en google sobre cómo facer un blog, naquel primeiro ano universitario na USC aló polo outono do 2007. Naquel entonces, tiven que tomar unha decisión entre Blogger e WordPress, ambas plataformas xa existían daquela e xa eran as máis potentes. Foi difícil e a decisión ao final decanteime cara ao que sigue sendo o meu blog de cabeceira.

Blogger vs. WordPress

Dende a mudanza, o ritmo de publicacións foi baixando paulatinamente, pero aínda así o número de visitantes comeza tímidamente a agromar nuns niveis aínda moi baixos, incomparables aos do blog de blogger, cuns modestos resultados grazas a varias publicacións de certa envergadura que atraen tráfico á paxina. Aquí en wordpress semella que comezan paseniñamente a aparecer visitantes chegados de google -enténdase o uso do termo para aglutinar a calquera buscador- e a cifra total de visitas está preto dos 2.500, duns 1.419 visitantes diferentes. As cifras son moi baixas, pero un grande éxito para o pouco que invirto en manter o blog en marcha, márketing, promoción en redes sociais (máis aló de compartir o link ás veces cando publico) ou en escribir sobre temas que atraian a máis cantidade público.

Este é un blog persoal e galego, un pequeno grao de area para a visibilización da lingua galega na internet; e tamén como xa dixen, un vehículo de expresión persoal, en confianza. Con isto qué quero deixar claro, que non é que escriba galego só “na casa” (como facemos ao falar), senón que uso este blog para expresarme na miña língua nai maioritariamente de temas persoais, pero sen pechar nunca a porta a publicar aquí calquera cousa que poida estar en galego, sexa do ámbito que sexa. O que pasa é que o obxectivo neste caso, ou polo menos polo de agora, non é converter isto nunha bitácora de referencia con milleiros de lectores. O éxito non o mido no número de visitantes, senón no feito de que eu sexa capaz de seguir escribindo de maneira máis ou menos periódica e mantendo isto a flote, e non é pouco.

Daquí nun ano, que podamos seguir escribindo e lendo moitas máis cousiñas.

2 thoughts on “Ano III

Tes algo máis que dicir? Non te cortes e deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.