Chas! Bolas na sartén e lembranzas da infancia

Coas maus na masa
Masa de pan

Onte pola tarde deume unha arroutada e púxenme a amasar para facer unhas bolas na sartén, unha receita típica da Terra de Trasancos, de Ferrol e as comarcas da contorna, que non é máis ca unha masa de pan que freían os nosos antepasados cando remataban o pan e aínda non era día de facer outra fornada. Sen dúbida é todo un manxar sinxelo, acompañado dunha taza de leite.

 

Bolas na sartén
Bolas na sartén

 

Este sabor das bolas na sartén é unha desas sensacións capaces de transportarme no tempo unha morea de anos atrás, cando era neno e era miña nai a que argallaba de amasar unhas bolas para cear, aquilo era coma unha festa nacional. Ao fío deste recordo quixen emparellalo con esta canción tan ben versionada por estes artistazos que son as irmás Romalde e o gran veciño de Freixeiro que sempre foi Iago González (non deixedes de subscrivisvos á súa canle en youtube, con grandes versións). Esta canción tamén exerce sobre min un efecto semellante ao das bolas, lembro a primeira vez que a escoitei sendo ben cativo nunha festa de fin de curso no colexio, e supoño que son desas lembranzas que quedan gravadas no fondo da mente asociadas para sempre aos momentos felices.